Centro Social A Devesa

(2022) Reforma

O actual edificio da Devesa carece das mínimas condicións de Accesibilidade, Salubridade e Aforro enerxético que debería ter calquera edificio público o que converte a súa adaptación á normativa actual nunha necesidade. A edificación principal constrúese no ano 1962 e aínda que o seu valor arquitectónico non é dunha calidade manifesta, tanto esta construción como a súa ampliación posterior posúen un cerramento de pedra natural que o fai suficientemente interesante como para conservar o volume integramente. Sería un desperdicio renunciar a semellantes sólidos cerramentos. Ademais, a pesar, como comentabamos do seu escaso valor arquitectónico non nos parecería xusto borrar unha parte da historia do pobo. Así que todo o contrario, preténdese poñer en valor e realzar na medida do posible un edificio “histórico”. Necesitamos escavar unha nova cimentación porque non podemos imaxinarnos un chan que non descanse sobre un forxado saudablemente ventilado. É obvio tamén, co que hoxe xa sabemos que a reforma ten que contemplar o control sobre o Gas Radon para impedir a súa influencia sobre a saúde dos usuarios. A adaptación á Accesibilidade é innegociable como debe ser obrigatorio para calquera edificio público e é obvio que a súa normativa condiciona completamente a nova distribución do programa de necesidades. Mellórase notablemente a distribución das plantas e a comunicación entre elas. Poñemos especial énfase no deseño para evitar as pontes térmicas. Resulta realmente un reto conseguir evitar as perdas de enerxía cando partimos da construción dun edificio “ constructivamente erróneo” desde o punto de vista térmico. Ademais da redución de consumo de enerxía proponse a instalación dun equipo de fotovoltaica para a xeración de enerxía eléctrica dándolle un plus ao que se supón debe responder un edificio moderno. Fotos : Alexandre Pérez Souto.

pregúntanos